sábado, 11 de febrero de 2012

Os colonos de Catán (ou os mellores 75 minutos da túa vida)

Como ían sendo horas de amplia-lo repertorio do blog, así como a escribir algo despois de tanto tempo, vouvos a confesar un segredo.

Veño de aficionarme ós xogos de taboleiro.

Xa está, xa o dixen... Algúns porán o grito no ceo, pensando "a boas horas, menos mal que tes un blog de frikis"; algúns deixarán de falarme, por ser causante de tamaña inxuria; e algúns pensarán que son demasiado maior para xogos, a estes últimos que sexa esta a última vez que os vexo por aquí!

O caso é que máis vale tarde que nunca, seica, e por iso teño pensado comezar unha liña de artigos sobre xogos de taboleiro, e como isto vai dirixido a quen vai, obviaremos os xogos de Parker e compañía e iremos a cousas serias.

E para falar de xogos de taboleiro, non hai mellor que empezar por un grande como Los Colonos de Catán, da editora/importadora Devir.

Portada de Catán
O xogo, de ascendencia alemana (supoño que todos nos daríamos conta cando pon que o creador é un tal Klaus Teuber), foi premiado na propia Alemaña como xogo do ano en 1995, e foi escollido como xogo do milenio.
As razóns do mesmo son sinxelas, o seu sistema, que a priori parece complexo, é tan sinxelo de habituarse que semellas profesional no terceiro turno, o que o fai moi indicado para todo tipo de xogadores.

Pero será mellor que volo describa un pouco. Para que vos fagades unha idea, é un xogo de estratexia (a versión básica de plástico, valorada en 36 euros na tenda da esquina, é para 4 xogadores; pero hai posibilidade de expandila) no que tes que construír poblados e almacenar recursos. Cunhas elaboradas regras para este aspecto (e delas non vou falar, porque están colgadas entre noutros lugares, na páxina de Devir), as partidas se van orquestando nos principios de expansión, acumulación e comercio.
Porque se hai algo que distingue a este xogo con respecto ós demais, é a posibilidade de interacción entre os participantes. Así, se ben sodes rivais, podedes intercambiar bens segundo vos pareza. E tendo en conta o limitado dos recursos, sempre é necesario estar disposto a enganar, finxir e por que non dicilo, a tragarte o teu orgullo autárquico; e ceder esa indispensable carta de madeira para conseguir pedra, inda a costa de que sexa o teu veciño quen chegue antes ó porto.

Taboleiro de Catán (versión madeira)
E como a todo se lle acaba collendo o truco, temos un nutrido grupo de expansións que farán a delicia dos coleccionistas, así como dos que nos gusta explorar as normas dos xogos. Dende barcos a cidades, pasando por exércitos e bárbaros, as expansións daranlle todo o sabor que lle falta ó teu Catán básico (e delas falarei máis adiante) e permitirán que as mesmas sexan máis impredecibles.


Así, que nada, vos animo a que o probedes, porque sen dúbida quedaredes prendados da illa de Catán. Como sempre, para abir boca aquí queda un link coa páxina de Catán en Devir, para que vexades prezos e mais as regras (que afortunadamente para os que probamos xogos de mesa, están colgadas), e vexades outras posibilidades, coma novos sistemas de xogo (temos Catán en cartas e mais dados, pero non os probei, co cal non podo dicirvos moito sobre eles) e o aproveitamento do sistema de xogo noutros coma o recentemente estreado 'Los Colonos de América' da serie "Catán Historias", que en Alemaña é prolífica, e que supoñemos irá medrando en España.

No hay comentarios:

Publicar un comentario