miércoles, 9 de noviembre de 2011

O retorno do eterno reporteiro de tupé

Se recordamos, a nosa infancia (ou polo menos a miña) estivo plagada de tebeos, entre eles os de certo reporteiro belga creado polo fantástico Hergé.

Imaxe clásica de Tintín, por Hergé
Heroe nacional, a Tintín só lle faltaba isto, unha grande superproducción. Para isto, se embarcaron grandes nomes de Hollywood como son Spilberg e Peter Jackson, apostando por unha tecnoloxía que supoñemos será a próxima grande revolución da animación. Refírome por suposto á captura de movemento. Pódovos dicir sen dúbida, despois de estar no cinema recreándome a vista con esta marabilla visual, que é dun exacto sen precedentes.
Para os que temos pouca idade, pero inda a suficiente, recordamos como Toy Story, dos estudos Pixar, foi unha auténtica revolución na animación do momento, e trouxo consigo a apertura dun novo xénero na mesma, que se adueñou con facilidade do mercado, como foi a animación en 3D por ordenador.

Fotograma da película, como vemos, o espíritu persiste
Pois ben, afirmo sen enroibarme e con rotundidade que esta é a nova Toy Story, no tocante á incrible calidade visual que desprega e á novidade que supón para o espectador. Con dicirvos que nalgún plano podías entreterte contándolle os pelos da barba ó capitán, e crédeme, nunca daríades alcanzado a cifra, podedes imaxinar a que grao de realismo nos enfrontamos.

Todo isto, sen perder de vista que non estamos a rodar unha nova Avatar, se non que agora estamos a falar dunha adaptación a un cómic con moita historia e unha grande lexión de fans. Moitos (entre eles eu mesmo) pensamos que tanto o director coma o productor se estaban a meter nun berenxenal do que malamente podían saír.

Non obstante, lograron o que considero unha obra mestra do xénero, por varias razóns:

             - En primeiro lugar, pola súa espectacular posta en escena (e non creo que deba dar máis argumentos a favor, non?)

             - E en segundo lugar, pola súa perfecta adaptación. Realmente respiras a atmósfera do personaxe de Hergé e mais dos seus inestimables compañeiros en todo o filme. É bárbaro, todo é como realmente o imaxinabas. Ademais diso, as actuacións son soberbias ( non esquezamos que acó se levou un proceso a medias entre debuxo e realidade, polo que os actores puxeron e moito da súa parte).

Só debo salientar dúas cousas que me resultaron extrañas. Por unha banda, recordo que a Tintín non o amilanaba a acción, pero paréceme lixeiramente violento, por outra, o capitán Hadoc é tal e como o recordaba, pero faltoulle incluso un pouco máis de labia na hora de lanzar improperios (estivo moi falangueiro, pero recórdoo máis locuaz inda).

Polo demais, Tintín e Milú son realmente eles, Hernández e Fernández seguen a ser igual de aparvados e os malos seguen a ser despiadados e sen corazón.

A película é moi recomendable, por tanto, xa que ten a carga suficiente de misterio, descubrimento, exotismo, humor e moralidade, de tal forma de que é apta realmente para todos os públicos, non precisas ser un neno para quedar extasiado con ela (aínda que por suposto, axuda)


Para os que aínda así estades dubidosos, ou os que queredes ir abrido o padal, acó tendes o tráiler de Las Aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio.

Por último, para os que se lles faga pouco, recordade que Peter Jackson prometeu dirixir outras dúas películas de Tintín. Agardo con ansia ese momento!

1 comentario:

  1. Canto tempo dende a última publicación Radamantis XDD!!!
    Dou fe do dito. A posta en escena é soberbia. Penso que deixou unha boa pegada, para que as dúas seguintes se agarden con expectación. Isto pode dar moito de sí.

    ResponderEliminar