lunes, 11 de abril de 2011

O pai de todos os xogos de rol: D&D

Ben, en orde de expoñer os xogos de rol, comecemos polo principio, que sempre é unha boa opción. Por qué Dungeons&Dragons (que no noso país se traduciu por dragones y mazmorras, que igual vos sona máis, pero resulta que é un termo menos empregado) é o principal xogo de rol? Basicamente porque este é o que máis diñeiro move, o que abre as tendencias sobre os demais e o abanderado de Wizars Of The Coast, que son os editores de case tódolos xogos de rol (e outros movementos frikis, como as cartas Magic, pero iso é outro tema). Tamén, nunha orde máis sentimental, é o primeiro e máis coñecido, o que non debe faltar.

Ata que punto D&D é a imaxe visible dos xogos de rol? pois para que vexades, termos como Master ou DM son únicos deste xogo en teoría, pero estendéronse a outros. Ou o sistema de xogo d20, que foi estreado na versión 3.0 do mesmo, ou no feito de que reúne máis suplementos el só que todos os demais xuntos.

Visto isto, ben podemos falar un pouco do mesmo. O xogo básase na mitoloxía e fantasía humana (resístome a poñer o adxectivo europea, xa que temos aportacións clásicas, como as esfinxies, nórdicas, como o berséker, mesopotámicas coma os anxos e demos ou orientais, que posúen para sí un suplemento onde aparecen ninjas, samurais e criaturas mitolóxicas propias de Xapón e aledaños). Neste senso veñen recollidos case tódalas criaturas fantásticas que queirades, e algunhas propias (entre elas destacan os azotamentes e contempladores por dereito propio) e por suposto algunhas criaturas máis coñecidas; como os impoñentes dragóns, orcos, trolls, trasgos, elfos, enanos, hobbits (que por cuestións de dereitos de autor son coñecidos coma medianos) e un longo etc propiciado por Tolkien e compaña.

A ambientación por defecto do xogo é a europa medieval (en mundos inventados, por suposto) con grandes dotes de maxia, pero coa tecnoloxía e instrumentación propia desa época histórica. Tamén hai unha versión deste xogo, o d20 moderno no que a ambientación se translada á época actual. Pero o normal é xogar unha partida de D&D nunha especie de Terra Media (como exemplo visual inmediato de fantasía medieval) nalgún dos escenarios do xogo, entre os que destacan Grayhawk (na nosa lingua Falcongrís), que é o escenario de ambientación por defecto dos manuais, e  Forgotten Realms (Reinos Olvidados) o cal acabou por superar a Falcongrís en partidas ambientadas no mesmo; ou calquera outro, publicado coma estes ou inventado polo propio master.

O estilo de xogo ven dado en Dungeons ou mazmorras, as cales son unidades de xogo (actualmente o termo transcendeu o seu significado inicial de habitación de pedra soterrada polo sentido máis xeral de lugar separado e illado do mundo exterior no cal se desenrola un combate) onde se sucenden as esceas de combate contra criaturas (ou calquera outra cousa, isto só é o máis común) onde pelexas por manterte vivo e gañar experiencia e cartos para ser máis forte e reiniciar o bucle nunha posición máis ventaxosa, con esceas de máis interpretación entre mentres, nas que te desprazas entre dungeons, cidades e continentes.

Para que me entendades, e recorrendo outra vez ó símil tolkeniano, o cal é tremendamente útil, unha mazmorra ou dungeon ven sendo algo semellante ó paso da Comunidade do Anel por Moria, mentres que esceas como o camiño a Rivendel veñen sendo as unións interpretativas. É unha xeneralización moi simple, pero que acerca bastante o termo á realidade.

Unha vez visto isto, pasemos á descrición dos personaxes. Como base na que comezar, propóñense varias clases de personaxe (bárbaro, bardo, clérigo, druida, explorador, guerreiro, feiticeiro, mago, monxe, paladín e pícaro) e varias razas (humán, elfo, mediano, enano, gnomo, semielfo e semiorco); as cales se poden ampliar. Cada raza proporciona un beneficio en termos de xogo, e cada clase (que se debe entender como algo semellante a un oficio) unha liña interpretativa e uns poderes determinados.

A forma de xogar é ir avanzando niveis de personaxe, o cal conduce a mellorar niveis de clase e adquirir máis poderes nun equilibrio lóxico entre as clases, seguindo as liñas de progresión.


A forma de obter niveis é gañando experiencia ata unhas cantidades determinadas, alcanzando mediante os puntos de EXP os diferentes niveis.

En aspectos máis técnicos, o xogo ven estructurado en 3 libros básicos dende a edición 2.0 (coñecida como Advanced D&D), o manual do xogador, a guía do Dungeon Master e o manual de Monstruos, os cales constitúen o compendio básico de regras; xunto con outros suplementos que afondan en características propias de algunha ambientación, clase ou conxuros. As regras soen ser moi claras (polo menos na versión 3.5 do xogo, a miña favorita) e non ten case lagoas no sistema (existen regras para case calquera cousa que poidas imaxinar). Como xogo de rol máis vendido e extendido, conta cunha cantidade espectacular de suplementos incluso en castelán (non debemos esquecer que é un xogo estadounidense, e polo tanto non todo o material chega ó noso país), polo que o master ten máis traballo de lectura pero menos de decisión, o cal termina por ser beneficioso.
Como exemplo, atópase a guía do Master II, a cal provén de material adicional ó master en forma de consellos para preparar e dirixir unha partida.

Deste xeito, podo concluír recomendándovos este xogo, pola súa flexibilidade e pola súa estructuración, o cal  proporciona cantidades de diversión aseguradas destrozando armaduras, convocando monstros, pelexando contra deuses e incluso destruíndo o tecido da realidade. Resulta sobre todo recomendable para non iniciados, xa que podes atopar de todo nos libros, sen ter que preparar moito traballo adicional; e especialmente satisfactorio para admiradores da mitoloxía e fantasía coma un servidor (creo que en todo o artigo non se notou)

Continuaremos prestando atención a D&D no aspecto de describir suplementos, e meténdonos máis a detalle no aspecto técnico do mesmo, así que se vos parece pouco, agardade, que ven moito máis e mellor (porque seguramente non o escriba eu).

O voso atento servidor, dende o cumio da torre, mentres olla os inxentes exércitos que se acercan e prepara entre susurros un conxuro, verémonos ó caer a última espada...

2 comentarios:

  1. Una introducción loable sencilla y que cumple lo que intenta, acercar este gigante del rol a los no iniciados. Se podrian llenar libros hablando de D&D y sin repetir lo de los miles de manuales, solo decir que D&D es, por poner un análogo, el best seller de los juegos de rol.
    Me explico es el mas extendido y sin lugar a dudas el más preferido en los grandes circulos pero sin embargo una vez se es un poco experiementado empiezas a notar referencias vejatorias hacia el en los circulos que se tienen por entendidos. Yo no me posiciono, solo comento los hechos y desde luego pensar que no se puede jugar a otra cosa es...inoportuno digamos.

    ResponderEliminar
  2. Me gusto mucho mucho el post. La verdad ha sido muy entretenido y no tenia ni idea de algunos aspectos de D&D ( oficios y razas es un clasico para cualquiera k le guste algo friki por muy poco que lo sea xD).

    Un saludo y a seguir asi!!!

    ResponderEliminar