Continuando coa liña de post que veño facendo, vamos prestarlle especial atención á figura principal dunha partida de rol, o master.
Por que?, vos preguntaredes. Pois ben, porque metres que para ser xogador só fan falla ganas de divertirse e imaxinación, para master fai falla ademais dedicación.
Sen master non hai partida (isto xeneraliza tamén en que sen partida non hai master, volveremos a ese razoamento máis tarde) xa que é el o encargado de escribir, organizar e motiva-los xogadores, ademais de ser o que está obrigado as misións de loxística e presentación. O master, aínda que non sempre, é o encargado de reunir a xogadores que non se coñecen entre si, e SEMPRE é o encargado de soluciona-los problemas que aparezan entre os mesmos.
Deste xeito, as obrigas son moitas e variadas, así que atopar un master é un tesouro; deses que se atopan custodiados por un exército de orcos, dragóns, un demonio e un feiticeiro louco, todo á vez. Pero aínda que poida parecer abrumador, non acaba por ser tan extenuante. Os apartados bós que ten este traballo veñen dados na expresión de creatividade, na sensación de poder, e na inexplicable sensación producida cando os demais se divirten coas túas creacións.
Non é tan difícil ser master, pero é algo que non se lle pode dicir ós teus xogadores se queres manter esa posición dominante ( e créeme, PRECISAS esa posición).
Realmente, só é un problema de tempo. Tempo para ler os inconmensurables libros de regras (que non hai que memorizar, pero nos que tes que saber como buscar), tempo para imaxinar e escribir, e por último tempo para xogar; fronte ós teus xogadores que só requiren do tempo para xogar, pero que aínda así che porán pegas para facelo.
Visto o artigo, coido que ningún lector quere ser master, e incluso os que xa o fosen (e rogo comentedes para pornos en contacto, que preciso estrear uns dados novos) seguro que están a arrepentirse. Por que entón segue a haber masters? Basicamente é por cabezonería (cantas veces masters fartos acaban por chegar á conclusión de que a partida se xoga ou se xoga, e punto), pero como segundas razóns están a expresión da creatividade (tes todo un mundo que imaxinar, dende onde están os mares e cordilleiras ate a que divinidade rogan os crédulos do teu mundo), a diversión de propoñer retos ós teus xogadores ( aquí entran desde as criaturas máis horripilantes que existen ata as adiviñanzas máis clásicas) e a sensación de poder que supón ser máis que o deus dese mundo.
Así que se che gusta escribir, propoñer diversións e tes certas dotes histriónicas de representación (a grandilocuencia é parte do teu papel cando representas o mundo), anímote a que emprendas este camiño, posto que se probas, de seguro que che ha gustar. E por certo, se buscas xogadores, aquí estou!!
Agardo con impaciencia comeza-las críticas dos xogos para que poidades saber con cal empezar.
Sen máis despedirme, que teño que marchar limpar un dungeon. Vémonos na taberna na próxima lúa, se sobrevivo...
Estou de acordo contigo. Ser másetr non é difícil o que é realmente difícil e preparar unha boa partida de rol. Pero hai que matizar. Aínda cando a ti che da a sensación de haber preparado algo xenial chegado o momento de xogar quédaste cun sabor de boca agridulce, xa que moitas das cousas que tiñas planeadas non saíron así (que supoño que ten o seu encanto, algunhas veces saen moito mellor do que esperabas -non é o frecuente-), pero en certas ocasións quedas desilusionado do transcurso da partida. Non te sentiches parte da mesme pese a que a prepararas ti, porque non era así como o tiñas previsto, querías que os xogadores se fixasen nalgúns aspectos que pasaron deles e quedáronse con outros. Pero este oficio e así, grato por momentos. Sen embnargo penso que é un oficio xenial en tanto en canto veste nunha posición onde tes a posibilidade de crear mundos, civilizacións, onde podes abrir a tua mente ata o infinito para elocubrar o imposible, e iso non ten precio.
ResponderEliminarXa, quería resaltar o feito de que é o terreo natural da xente creativa, e quería animar a aqueles que se divirten escribindo historias a que as vivan, aínda que non de forma literal, pero sí nunha grandiosa aproximación. Se falo da frustración cando a partida non sae ben, cousa que sempre pasa nunha longa campaña, que unha sesión se aburre por razóns inexplicables; xa acabo por consegui-lo efecto contrario.
ResponderEliminarPero tes toda a razón, debemos mostrar tamén as outras caras desta afición, e é que ás veces (sempre) non sae como queres, aínda que en parte está a gracia de isto. Con bós xogadores, que vivan o seu personaxe por enriba da súa folla, ás veces o que a ti como creador che parece unha liña de actuación lóxica acaba por non selo, por iso é tan imprevisible e acaba por ter a súa graza, porque non constitúe un texto plano onde dominan os teus temores, afeccións e expresións, en definitiva, a túa idiosincrasia, senón que é un extraño compendio da de todos os que se atopan ó redor da mesa; polo que a narración dos feitos se acaba facendo máis real do que nunca houbeses pensado.